Noticias
Preto de 1.000 vigueses visitaron as instalacións de aqualia durante 2012

Esta maña aqualia, empresa concesionaria da xestión integral da auga en Vigo, no marco da visitas que organiza a Estación de Depuración de Augas Residuais (EDAR), presentou as unidades didácticas “Viaxa a unha planta depuradora de augas residuais” que elaborou co obxectivo de explicar aos máis pequenos de maneira divertida o funcionamento dunha planta depuradora.
Máis de 40 nenos do colexio Chans Bembrive puideron coñecer, da man de profesionais de aqualia, o proceso de depuración da auga de Vigo e visitar as instalacións da depuradora de Lagares para aprender o derradeiro proceso do ciclo integral da auga.
O acto contou coa presenza de José María Ardoy, Director de aqualia Vigo, que quixo acompañar aos máis pequenos e explicarlles que “é fundamental contar cun sistema de depuración de augas residuais para garantir que a auga utilizada regrese ao mar en óptimas condicións. Vigo é unha das poucas cidades galegas que xestiona de forma global o ciclo integral da auga o que fai, da nosa cidade, unha poboación comprometida co medio ambiente”.
Portas abertas
aqualia no seu compromiso coa cidade desenvolve un programa de visitas as súas instalacións para os escolares e colectivos profesionais que o desexen. Durante o curso escolar, os rapaces de 2º e 3º ciclo de primaria dos centros escolares vigueses poden visitar a ETAP (Estación de Tratamento de Auga Potable) de Casal, mentres que os alumnos de ESO e Bachiller poden coñecer de primeira man o funcionamento da Estación Depuradora de Augas Residuais (EDAR) de Lagares.
Durante 2012 preto de 1.000 vigueses visitaron as diferentes instalacións de aqualia e estímase repetir as mesmas cifras este ano a través desta iniciativa.
As visitas, dunha hora e media de duración, están dirixidas por persoal cualificado de aqualia que explican de xeito ameno e divertido as claves do funcionamento do ciclo integral da auga e o papel de aqualia neste servizo.